• International
  • Sitio local
  • Learning

MainNovasBKT


O recente premio Nobel en Física concedido a John M. Kosterlitz, David J. Thouless e Duncan Haldane revaloriza a investigación do grupo de investigación LBTS (laboratorio de materiais, baixas temperaturas e supercondutividade) da área de Física da Materia Condensada da USC, así como o interese da súa formación de posgrao (doctorandos e máster). O galardón recoñece a significancia dos estudos de materiais en dimensionalidade reducida (por exemplo o acoplo vórtice-antivórtice en sistemas bidimensionais estudado especialmente por Kosterlitz e Thouless).

Traballos de investigación asinados por algúns membros do grupo LBTS sobre a física de vórtices e antivórtices inclúen por exemplo a referencia C. Carballeira et al., Phys. Rev. Lett. 95, 237003 (2005), que foi escollida como portada da prestixiosa revista Physical Review Letters da American Physcial Society. Tamén o recente A. Ramos-Álvarez et al. Phys. Rev. Lett. 95, 139701 (2015) que comenta o relacionado comportamento bidimensional de novos materiais supercondutores baseados en ferro.

Debe destacarse tamén o traballo doutoral de N. Cotón en 2013, que constitúe unha das poucas medidas experimentais da coñecida "transición de Kosterlitz-Thouless", usando para iso capas delgadas de gran calidade crecidas pola propia investigadora, así como medidas de magnetometría por interferencia cuántica de gran precisión realizadas no propio laboratorio LBTS. Dita tese pode atoparse en formato aberto neste enlace.

A liña de investigación destes interesantes fenómenos físicos en sistemas de dimensionalidade reducida segue activa e promete interesantes resultados para un futuro inmediato. Así o testemuña por exemplo o traballo de fin de máster de Física da USC de D. Faílde, máxima cualificación do curso 2015/16, presentando unha nova análise de sistemas bidimensionais acoplados entre si en termos da súa transición Kosterlitz-Thouless colectiva.


The LBTS laboratory is a partner of the ENERMAT transnational network


Printer-friendly version - Contact webmaster - Website admin - Page admin
Page last modified on October 05, 2016, at 01:24 PM.